Alcachofas en aceite para aperitivo


As alcachofas son un manxar, un bocado exquisito!

Resulta que aquí en Canido, nas hortiñas, hai quen planta alcachofas e espárragos verdes e ten unha boa colleita.

Non canso de atopar maneiras novas de cociñalas. Esta non desmerece: pequenas alcachofas cortadas á metade e cocidas en aceite de oliva virxe con sal, pementa e tomiño. Nada máis fácil, e nada tírase, xa que o aceite serve para conservalas nun bote (e mollar pan cando as comemos).

Das alcachofas pequenas ou medianas aprovéitase moito. Eu primeiro corto un anaco do tallo, logo as puntas, como centímetro e medio ou dous centímetros, quito as follas máis duras e pelo o tallo. Córtoa á metade polo longo e límpoa un pouco por dentro, pero se é fresca e tenra non hai case pelusa. Para que non se poña negra (neste caso non dá igual) bótoa nunha ensaladeira con auga e zume de limón.

Para un bote mediano ou dous pequenos:
- 8 alcachofas
- 400 ml de aceite de oliva virxe, ou suficiente para cubrilas
- un chisco de sal
- unhas ramiñas secas de tomiño
- uns grans de pementa negra

Poñemos as alcachofas escorridas e o resto dos ingredientes nun cazo pequeno ao lume. O lume estará o máis baixo posible, que apenas faga burbullas o aceite. Cocémolas ata que estean tenras, aproximadamente tres cuartos de hora ou unha hora.

Aínda quentes, botamos as alcachofas e o aceite nun bote de cristal con tapa (un bote reutilizado vale) ou con peche a presión.




Comentarios