Cookies americanas moi fáciles


Tomei nota desta receita vendo Canal Cocina.

Non me gusta moito o chocolate, así que este tipo de doce non me interesaba moito. Pero para almorzar... tiña ganas de algo contundente, por iso son de gran tamaño.

Decateime de que o sabor principal non o dá o cacao, nin as pepitas de chocolate, senón o azucre moreno. Eu utilicei un tipo panela, denso, cun gosto a mel e moi aromático.

Ingredientes:
- 120 gr de azucre moreno
- 60 gr de azucre branco
- 1 ovo
- 110 gr de manteiga do tempo en dados
- 240 gr de fariña de trigo, menos o peso de dúas culleres sopeiras de cacao en pó tipo Valor
- 1/2 sobre de fermento químico tipo Royal
- 120 gr dunha mestura de noces peladas rotas e pepitas de chocolate negro (eu fíxenas partindo unha tableta de chocolate)

Primeiro mesturamos os ingredientes secos nun cacharro grande. Engadimos o ovo e a manteiga e mesturamos ben cunha man, ata que quede unha masa ligada, o xusto para que se integre todo.

Botámola no mármore e engadimos as noces e as pepitas, tamén sen amasar demasiado para que o chocolate non se funda. Dámoslle forma de rulo que logo cortaremos en rebandas, así que o facemos do tamaño que queremos as cookies.

Refrixeramos o rulo envolto en film. Estará na neveira polo menos unha hora.

Prequencemos o forno a 180ºC.

Quitamos o film e cortamos en rebandas dun dedo de espesor. Colocamos as cookies na bandexa do forno forrada cun papel, separadas unhas doutras porque algo medran.

Témolas no forno 10-12 minutos. Deixámolas arrefriar na propia bandexa. Aínda que ao sacalas do forno semellan moi brandas, logo a manteiga endurece. Xa frías deben quedar consistentes pero escuras e tenras por dentro ou serán como un biscoito calquera.

Se a min me gustaron, supoño que os amantes do chocolate quedarán encantados! Ademais duran un montón de tempo frescas -podo dicir que polo menos unha semana-  se as gardamos nunha lata.

Comentarios