Doce de Nadal: polvorones
As cantidades dan para dúas bandexas de forno. Eu prefiro pezas pequenas e altas, pero poden cortarse máis grandes.
Preparar os ingredientes é algo pesado. Isto non sorprende das receitas tradicionais: precisan tempo pero son moi sinxelas.
A cantidade de manteiga pode reducirse un pouco, pero non demasiado ou a masa non ligará ben e logo os polvoróns resultarán demasiado fráxiles. A graxa é necesaria!
Ingredientes
- 500 gr de fariña de trigo
- 120 gr de améndoa cru Marcona
- 200 gr de azucre
- 250 gr de manteiga de porco
- 1/2 culleradiña de canela
- un chisco de sal
Sacamos a manteiga do refrixerador. Debe estar como pomada, a temperatura ambiente.
Quentamos o forno a 150ºC. Estendemos a fariña sobre unha bandexa forrada con papel de forno e torrámola durante uns 20 minutos, tempo no que debemos remexela de cando en vez. Así quedará seca e lixeiramente escura.
Mentres trituramos o azucre nun robot de cociña ata facelo po (na My Cook é un minuto a velocidade progresiva 7-10). Apartámola e moemos a améndoa ata que quede como fariña pero sen soltar graxa (na My Cook son 15 segundos a velocidade 10).
Cando sacamos a fariña torrada, metemos no forno a améndoa estendida. Estará en menos tempo, uns 8 minutos; resultará moi aromática e algo torrada. Isto non é imprescindíbel pero os polvoróns gañan.
Deixamos que enfríe de todo a fariña e a améndoa. Ten sentido torralas o día antes.
Nun cacharro grande mesturamos os ingredientes secos, logo botamos a manteiga e amasamos coa man ata que todo quede unido. Botamos no mármore e terminamos de amasar. É unha mestura máis cunha masa, que tende a abrirse. Esmagamos ata que teña 2 ou 2,5 cm de alto. Cortamos cunha forma redonda ou outras, pero sinxelas, sen debuxos complicados ou desfanse. Colocamos os futuros polvoróns nunha bandexa forrada con papel de forno, bastante xuntos porque non medran coa calor.
Deixámolos repousar 2h a temperatura ambiente ou media hora no refrixerador. Isto non é imprescindíbel pero axuda a que manteñan a forma. Mentres quentamos o forno a 180ºC.
Cocemos durante 12-14 minutos, isto dependerá do forno, en todo caso ata que os bordos comecen a tomar cor, non máis. Entón sacamos a bandexa con coidado e deixamos que enfríen de todo antes de tocalos, porque quentes son moi fráxiles. Despois pasámolos a unha reixa e podemos facer a outra tanda.
Se queremos, cortamos anacos de papel de seda e envolvémolos. Axuda a comelos, isto non hai nin que explicalo.
Ánimo e non máis dun por día!
Comentarios
Publicar un comentario