Bica con fariña de millo


Sigo con receitas da terra, aínda que sexan moi retocadas, como esta bica. Apetecíame desde que na cafetería á que vou a media mañá, póñenme un anaquiño de "tarta de millo" que se parece a esta.
 
Tiña fariña de millo (da amarela) na despensa desde había tempo. Busquei e atopei esta receita no blog lacasadecarmela, inspirada á súa vez en bimbaenlacocina. Ademais sae xenial no robot de cociña.
 
Se tivera que servir almorzos a hóspedes, este sería un biscoito moi decente. Primeiro, polo seu gran tamaño, segundo porque é económico, e terceiro, porque non aguanta moito fresco (pola fariña de millo, que endurece).
 
Agora, non é a bica auténtica, que se fai con fariña de trigo e con manteiga de vaca.

 
Ingredientes:
- 4 ovos
- 300 gr de zucre branco
- 200 gr de nata 35% de materia grasa
- 200 gr de manteiga (eu puxen 150 gr de manteiga e 50 gr de manteiga de porco)
- 200 gr de fariña de millo
- 200 gr de fariña de trigo
- 2 sobres de gasificantes combinados (2 brancos e 2 morados)
- sal
- canela e máis zucre
 
Prequentei o forno a 170º. A manteiga, os ovos e a nata deben estar a temperatura ambiente, sobre todo a manteiga.
 
Encamisei un molde grande (28 cm de diámetro) con burato no medio, untándoo con manteiga, logo botando un pouco de fariña e sacudíndoo.
 
No robot, tamicei as fariña co gasificante, 10 segundos a velocidade 5. Apartei. Pesei a nata e a manteiga en dúas cuncas.
 
Montei os ovos co zucre a 40º, 3 minutos, velocidade 4 (co accesorio das palas) e logo outra vez pero sen temperatura, cunha pizca de sal. 
 
A velocidade 3, engadir pouco a pouco a nata, e logo a manteiga en anaquiños. A velocidade 2, engadimos a mestura de fariñas a culleradas; cando levemos a metade, batimos unos segundos a velocidade 4 e continuamos. Rematamos cunha espátula, sempre é mellor non batir de máis a fariña.
 
Botei a masa no molde, sacudino contra a mesa e boteille por riba tres culleradas de zucre mesturado con canela en po.
 
Fíxose no forno durante 30 minutos. A receita orixinal di máis, entre 40 e 45 minutos, pero no meu caso estivo listo antes, cando un palillo longo saiu seco.
 
Crítica:
É curioso, moi axeitado para almorzar, co crocante típico de zucre por riba. A medida que pasan os días, ponse un pouco seco pero non tanto como pensaba (ata catro días ben). O millo vai lembrando un pouco á palla na boca, pero non é desagradable, supoño que pola cantidade de grasa!

 
 

Comentarios