Biscoito de chocolate e brandy (prajitura desteapta)


 
Fun dereita a un lío. No blog Gotas de azúcar y vainilla fan un estupendo percorrido pola repostería europea. E claro, alá fun eu, a copiar.
 
Non me gusta moito o chocolate. Detesto o brandy. Pero xunto... Ademais a receita pareceume diferente. Chámanlle "a torta intelixente" porque a partir dunha única masa saen tres texturas só coa temperatura axeitada de forno. A miña saiu unha torta medianamente lista: dúas texturas, tres non.
 
É orixinaria de Rumanía. Pode facerse de vanilla ou de chocolate. Polo menos, atopei moitas fotos de ambas as dúas versións.
 
Por desgraza, a receita de Gotas de azúcar y vainilla estaba incompleta, faltáballe en que momento engadimos a manteiga derretida e o tempo de forno. E decateime sobre a marcha, claro.


Ao tema. Esta é a receita:
- 125 gr de manteiga
- 50 gr de chocolate especial para postres
- 4 ovos
- 150 gr de azucre en po
- 65 gr de fariña de trigo
- 50 gr de cacao puro
- 500 ml de leite enteiro
- 2-3 culleradas de brandy
 
Quentamos o forno a 160ºC. Tamén se pode quentar a 180ºC, ter o biscoito 10 minutos a esta temperatura e logo baixar a 160ºC.
 
No robot (thermomix, my cook, batidora de palas etc.) convertemos o azucre en azucre glas ou mercámola xa moída. Quitamos toda para unha cunca agás dúas culleradas. Botamos as claras sen nada de xema máis unhas pingas de zume de limón e montámolas en castelo. Quitamos este merengue para outra cunca grande.
 
Derretemos a manteiga no microondas e deixámola amornar. Fundemos o chocolate no microondas e tamén deixámolo amornar. Para iso, cómpre quentalo de medio minuto en medio minuto e remover de cada vez, para que non se queime.
 
Mesturamos moi ben a fariña e o cacao.
 
Quentamos lixeiramente o leite.
 
No vaso do robot botamos as xemas e o resto do azucre e comezamos a montalas. Logo de tres minutos a velocidade media (3-4) engadimos a manteiga fundida, despois o chocolate e o brandy. Botamos o leite e batemos ata que estea ben unido. Engadimos a fariña mesturada co cacao e batemos ata que non haxa gromos.
 
Agora ven a parte que desconcerta: unimos as claras en castelo a esta masa, que é máis ben un batido moi líquido. Así que como poidamos... Eu desconfiaba, pero logo ten sentido.
 
Preparamos un molde de 20 cm de diámetro con manteiga e fariña. Eu escollín un rizado. Botamos a masa nel e ao forno durante polo menos 1 h. Despois dese tempo pinchámolo e vemos se está callado. Eu tiven que deixalo 10 minutos máis. Para desmoldalo, agardamos un rato ata que enfríe un pouco e asente antes de darlle a volta.
 
Como a temperatura é baixa e a masa é tan peculiar, as claras soben á superficie. Así que  2/3 da torta lembraranos a un flan (coa base máis densa) e 1/3 será un biscoito lixeiro.

 
 

Comentarios