Pinto guisado en cru


Descubrín na Cocina de lechuza un xeito de facer o peixe guisado, que é "en cru". Consiste en que non fritimos a cebola nin ningún outro ingrediente. Poñemos todos en cru ben organizadiños por capas. Serve para a pescada, o pinto, o peixe sapo, a raia...
 
A dificultade está en que patacas e peixe deben cocer á vez, polo tanto hai que atinar co tamaño da pataca para que non se demore a ola ao lume máis de 15 minutos. O peixe en rodelas ou lombos non precisa máis tempo.
 
Este prato é máis guiso que caldeirada. En Galicia a sopa de peixe non ten tradición, pola contra a caldeirada era moi popular. Por que tirar a auga de cocción? Eu enténdoo, un fondo de peixe non é auga de cocer peixe... é un caldo máis elaborado, con verduras, varias especies mesturadas,  restos de marisco, se cadra herbas aromáticas, brandy... a sopa de peixe é moi francesa; poderíamos investigar sobre a "zarzuela de pescado" pero temo que chegaríamos a Francia. A caldeirada é un prato sinxelo, rápido e barato, tan eficaz como toda a cociña popular. Porén hoxe non faremos caldeirada, aínda que está mi boa e o pinto tamén se presta a ela. Neste guiso non hai auga, máis que a que solta o peixe, polo que resulta un prato graxo e moi saboroso.
En la foto, un pinto coas súas trazas características: a pel con "augas" roxas e os beizos gordos
 
Ingredientes
- 1 pinto de 1,2 k en rodelas
- 3 patacas
- 1/2 cebola
- 1 folla de loureiro
- un chisco de ourego
- 2 sobres de azafrán moído
- sal
- 1 vaso de aceite de oliva
- 1/2 vaso de viño branco

Salgamos o peixe. Pelamos as patacas, as lavamos e cortamos en rodas de medio centímetro como máximo. Picamos a cebola en xuliana.

Poñemos un fondo de aceite nunha ola grande e baixa. Colocamos enriba as patacas, sen montar unhas sobre as outras; salgamos lixeiramente. Logo poñemos a cebola, o loureiro e o peixe. Botamos o viño. Quentamos o aceite no microondas ata que estea morno e disolvemos o azafrán o mellor posible. Bañamos o  peixe con este aceite e engadimos o ourego. Tapamos e deixamos cocer a lume medio durante 10 ou 15 minutos, a pataca estará tenra, como confitada, e o peixe cocido.

 

Comentarios