Torta selva negra


Non, non estamos a cotío comendo tortas e doces. Son as receitas para os días especiais!

Esta é unha torta grande, de aniversario, fácil de transportar (dentro do que cabe) e resiste ben fóra da neveira grazas á nata vexetal.

A nata vexetal non é a mellor opción, pero é moi estable, permite recheos grosos e adornos inamovíbeis.

É un biscoito xenovés de cacao recheo de nata (neste caso, chocolateada) e cuberta de máis nata e virutas de chocolate. As virutas son o máis característico desta tarta, que á diferenza da auténtica selva negra, non leva cereixas. Para lembralas, o almíbar para mollar o biscoito fíxeno con marmelada de cereixas. Tamén é moi de aquí cambiar parte ou toda a nata por crema trufa de chocolate.

Convén facela en dous días. A tarde antes facemos o biscoito, o almíbar para mollalo e as virutas. Tamén deixamos mesturada a mousse. Á mañá seguinte batemos a nata e a trufa, montamos a torta e decorámola.

Necesitamos un molde desmontable grande (26-28 cm).

Ingredientes e como facer

Para o biscoito:
- 5 ovos
- 100 gr de fariña de trigo, 20 gr de Maizena  e 20 gr de cacao en pó sen azucre
- 130 gr de azucre branco

Preparamos o molde cun círculo de papel de forno para o fondo. As paredes poden cubrirse con máis papel (pero moi ben colocado) ou con manteiga e fariña.

Poñeremos a quentar o forno a 180º.

Mesturamos os ingredientes secos. Para bater os ovos dependerá da batidora que teñamos. Se temos unha normal, eléctrica de varillas, montaremos á parte as claras a punto de neve, cun chisco de sal e unhas gotas de zume de limón. Na Thermomix ou na Kitchen Aid os ovos poden montare enteiros.

Como eu usei unha batidora de varillas, separei claras e xemas. Primeiro montei as claras. Logo montei as xemas co azucre. Mesturamos a metade dos ingredientes secos e 1/3 das claras, que baixarán bastante. Engadimos o resto dos ingredientes secos e a continuación as claras por cucharadas, xa con moito coidado de que non baixen. O éxito do biscoito está en que non perda aire.

Cocemos durante 10-15 minutos sen abrir o forno, ata que o biscoito se vexa alto e firme. Para asegurarnos, despois de polo menos 10 minutos, podemos cravar un pincho de madeira no centro.

Deixamos repousar uns minutos e desmoldámolo. Dámoslle volta sobre unha reixa e deixamos que enfríe de todo.

Para o almíbar:
- 100 ml de auga
- 70 ml de licor (augardente de cereixas, coñac, brandy...)
- 100 gr de marmelada de cereixas

Fervemos todo durante 5 minutos. Colámolo e deixámolo enfriar.

Para a crema trufa:
- 300 ml de nata vexetal
- 20 gr de mel
- 120 gr de chocolate para postres (tipo Nestlé postres)

Quentamos 100 ml de nata co mel. Cando herva, engadimos o chocolate en anacos. Removemos ata que estea liso e brillante. Engadimos o resto da nata e unimos ben cun batidor de man. Gardamos unhas horas na neveira ante de montala cunha varillas eléctricas.

Para a nata montada:
- 300 ml de nata vexetal
- 2-3 culleradas de azucre glass
- 1/2 culleradiña de pasta de vainilla, se queremos

Montamos cunhas varillas eléctricas e gardámola na neveira ata que vaiamos usala.

Para as virutas de chocolate:
Fundimos 100 gr de chocolate especial postres no microondas ou ao baño maría. Estendémolo no mármore ata deixalo bastante fino, como 3 mm. Agardamos ata que sexa manexable (nin moi brando nin duro de todo) e sacamos as virutas cun pelador. Con práctica e o chocolate no seu punto, sairán rizadas e formarán barquillos, senón serán virutas. Non debemos tocalas cos dedos porque se funden, o mellor e pasalas cunha culler ou pala a un tupper e gardalas na neveira.

Montaxe
Cortamos o biscoito en tres discos. Eu marco o bordo cun cóitelo e logo uso un fío, para min e o máis sinxelo. No bordo, cravamos tres palillos un sobre outro para saber en que sitio volver a colocar cada disco.  Poñémolos na reixa e mollámolos co almíbar, repartíndoo ben. O de abaixo será a parte superior do biscoito dado a volta. Poñémolo no plato definitivo. Cunha pala tipo lingua, estendemos unha capa xenerosa de crema trufa. Poñemos o segundo piso e recheamos, gardando unha culleradas. Poñemos o último. Alisamos algo as paredes coa trufa que reservamos, tampouco moito porque imos cubrila de nata.

Poñemos a nata nunha manga con boquilla rizada. Envolvemos a torta con adornos, en forma de rosas ou como queiramos. O centro do superficie deixámolo lixo e algo máis baixo co bordo. Botamos por riba as virutas desordenadamente. Se queremos acabamos con azucre glass.



Comentarios