A Praza de Abastos da Guarda
Efecto das vacacións: póñenme sentimental. Durante e depois. Todo paréceme emotivo e asombroso. Como non coñecía A Guarda, O Rosal, Tomiño, nin o outro lado, Caminha, Monçao...para min foi como ir a Hungría ou a Grecia. Mellor aínda, porque está a dúas horas e media de coche.
Entre as moitas experiencias agradables, quero destacar agora a Praza de Abastos da Guarda e outros comercios de alimentación. Hai moitas froiterías, por que? Non sei, pero é bo sinal. Tamén boas panaderías.
A Praza de Abastos pasou por tempos mellores, e necesita reparacións, pero é un edificio curioso. A arquitectura, de pequena escala, é propia doutra época. Agora está bastante asoballado polos edificios novos que o rodean, pero conserva as dúas fachadas e o seu estilo rexionalista. É obra do arquitecto guardés Constantino Candeira Pérez, 1921. Recomendo a web galiciasuroeste, o apartado de patrimonio, arquivo e documentación sobre A Guarda obra dun entusiasta da cultura, José A. Uris Guisantes.
Foto do mercado, do artigo dedicado a el na web galiciasuroeste
Pero en fin, non só de cultura vive o home, nin esta muller: a praza ten na planta baixa tres ou catro postos de pescado, e no centro, pescantinas; ademais hai carnecería. Na planta de arriba está a froita e verdura onde paga a pena pararse nas vendedoras que levan o seu produto: non será ecolóxico, pero desde logo é local. Como xa estabamos en setembro, e cun tempo soleado e de verán, os figos eran espléndidos; mercamos un quilo á unha rapaza nova, e tamén outro de mazás de agosto. Outro día, mercamos cebolas e unha bolsa de pementos variados por un euro, que contiña trinta xoias: pementos do piquillo, morróns e algúns verdes. Espero que no verán este mercado estea máis cheo, meréceo.
A Guarda é unha pequena vila con moita historia. Ten unha historia de emigración (a Puerto Rico, Brasil) que deixaron alí estupendas casas e escolas. Ten unha triste historia de represión en 1936, que padeceron tamén algúns destes emigrantes retornados. Sobre todo ten unha historia industriosa, con certa prosperidade... que é iso, historia. Agora a impresión que se ten é a dunha vila e arredores que foi pasto da construción estas dúas últimas décadas, e que seica trata de vivir do turismo. Foi un porto mariñeiro e unha vila burguesa fermosa coas súas prazas e edificios nobres, pero case non queda nada, catro cousas dispersas por casualidade. Á vista está que creceu demasiado e de forma desacertada. O paseo marítimo no porto creo que é o máis feo de Galicia.

Pero, que espléndido é o monte de Santa Trega! Conmove (a min por suposto, pero a outros humanos tamén) o castro escavado. E do outro lado está Camposancos, onde parabamos nós. Unha aldea grande, fermosa, enriba das prais do río Miño. Pola Praia do Muíño chegas á desembocadura, cortada pola fortaleza da Insua.
O ferry que cruza o Miño ata Caminha sae de Camposancos, do lugar que chaman A Pasaxe, unha delicia... se non miras para a enorme, desmedida urbanización de chalets e bloques que deixas ás costas.
Comentarios
Publicar un comentario