Celebración portuguesa modesta: francesinhas para todos


As francesinhas son un atentado culinario e calórico, pero con fame, son irresistibles.

Son típicas da zona de Porto, e moi populares nos snaks-bar. A ocorrencia tívoa un cociñeiro portugués emigrado en Francia nos anos sesenta. Un demente ou un xenio, segundo se mire.

É un sandwich de tres pisos para comer con cubertos (moi portugués). Está enchido de carnes e/ou embutidos. Debe levar: filetiños de solombo de porco ou de tenreira e salchichas frescas; ademais levará chourizo, xamón cocido ou mortadela. Revístese polos catro costados e por enriba con lonchas de queixo fundente (cinco!) e quéntase no forno (ou no microondas) ata que se funda. Rematámola emborcando moita salsa de tomate picante, especial, que venden nalgúns supermercados.

A francesinha completa leva ademais un ovo e patacas fritidas.

Púxena de segundo prato, un atrevimento, pero porque a fixen en versión mini, é dicir, media francesinha por persoa, con patatas palla. Primeiro tomamos uns petiscos.

A miña versión de francesiha levaba, para seis (tres completas):
- 3 salchichas de porco frescas
- 6 filetes de solombo de porco
- 6 lonchas de xamón cocido
- 12 lonchas de queixo gouda en lonchas
- 9 rebanadas de pan de molde branco

Secuencia para dúas metades: rebanada de pan, loncha de xamón, dous filetes de porco, rebanada, salchicha fritida cortada ao longo en dúas metades, loncha de xamón, rebanada. Cortámola en dúas e cubrimos cada media con dúas lonchas de queixo.

A salsa para 6-8 francesinhas leva estes ingredientes:
- un anaco de cebola
- 1 dente de allo
- aceite para fritir a cebola, uns 30 gr- 1 lata de 400 gr de tomate triturado
- 1 lata de cervexa
- 1/2 vaso de vino fino de Jerez
- 2 tapones de whisky ou ron
- 1 folla de loureiro
- Tabasco
- sal
- 1 culler de Maizena diluída nun pouco de leite

Prepareina no robot de cociña Taurus My Cook.

Quentei no vaso o aceite, 1 minuto a 110º. Engadín o allo e o anaco de cebola, e programei 5 minutos a 110º e a velocidade 1, a especial para sofritos. Despois botei o tomate, o Tabasco, a folla de loureiro e sal, e programei outros 5 minutos, a 110º e a velocidade 2. Engadín a cervexa, o viño e o licor e programei 10 minutos. Ao final botei a culler de Maizena co leite, e cocín 2 minutos máis. Como a fixen con antelación, deixei que arrefiara de todo, quitei a folla de loureiro e logo triturei a velocidad progresiva 5-7-10.

Crítica:
Exquissssita. Para beber, tomamos cervexas variadas, eu bebín unha de trigo moi rica.
 

Comentarios