Charlotte de mazás do país


A receita provén dunha web sobre cociña inglesa da serie da tele  Downton Abbey, downtonabbeycooks, é dicir, cociña eduardiana versión Mrs. Patmore. A serie é unha parvada, pero dá gusto ver como comen.

A apple charlotte ten un nome moi fino, pero é un prato humilde. Faise con pan de molde (iso convírteo nun xenuino doce inglés), pero a diferenza dos pudings, nin leva leite nin ovos. Non leva nada realmente, só pan, manteiga (pouca), zucre e mazás, cun pouco de limón para darlle graza.

A receita orixinal é para un pastel de tamaño moderado, eu fíxeno máis grande, nun molde redondo de 28 cm cun burato no medio. Utilicei un paquete de pan de molde de 15 rebandas que estaba de oferta. A cantidade de manteiga é a necesaria para untar o pan e o molde, e outra pouca para poñer por encima.

Ingredientes:
- 15 rebandas de pan de molde branco sen corteza
- 6 mazás grandes
- 1 limón
- 6 culleradas de zucre e agua para humedecelo
- aprox. 80 gr de manteiga

Pelei e quitei o carozo ás mazás. Son de casa, pero estaban xa algo secas. Corteinas en gaxos de espesor mediano, non finas de todo.

Puxen a quentar o forno a 180º, sen aire.

Untei ben o molde con manteiga. Abrandei o resto da manteiga no microondas para untar as rebandas de pan. Coloquei catro no fondo, algo montadas entre si, e tapei os ocos con anacos doutra rebanda. Logo cubrín a superficie con mazás, tamén montados os gaxos. Salpiquei de zucre húmedo, raiei pel de limón por riba e botei zume, exprimindo directamente medio limón. Hai que ser xenerosos cos ingredientes, porque o pan ten que empaparse deles durante a cocción.

Fixen outros dous pisos, e rematei cunha capá de mazá, engadindo ademais do zucre e o limón, unhas noces de manteiga. Tapei con papel de aluminio.

Estivo no forno durante tres cuartos de hora. A mazá debe estar tenra e o pan rebrandecido. Sacámola do forno e deixámola repousar uns minutos antes de desmoldar.

Podemos poñer sirope de caramelo (do que se compra) por riba, ou facer un caramelo dourado claro que misturaremos cun pouco de tona. Non é necesario, pero fai que a corteza sexa máis apetecible.

Crítica:
Nalgúns blogs considérano o mellor pastel de mazá do mundo. Iso é pasarse. Está ben, sobre todo se se pensa no que leva, e o limón (tanto o pel raiado como o zume) dálle un sabor único. O crumble por exemplo gústame máis. Iso si, recoñezo que esta charlota é práctica para almozar e que non empalaga.

  


Comentarios