Produto impresionante da terra: as nabizas. E a receita: ensalada morna de nabizas

 
"Ensalada" por respectar a verba que escolleu Cunqueiro para a súa "ensalada de grelos".

En realidade é un prato de verdura cocida, que, xunto cun ovo escalfado, é un prato completo.

Temos nabizas na horta. Non moitas, porque sementamos un pedazo tan pequeno que non sei se pode nomearse nabale. Pero medran a bo ritmo. Sementamos o 31 de agosto, e tivemos que regar moito. O tempo estaba moi seco e quente. Cando empezou a chover máis seguido foi cando se decidiron a saír en masa.

Empezamos a arrincalas para rarear e ter grelos en inverno. Veremos.


De momento, con esta primeira man, fixemos unha versión da ensalada de grelos cunqueirá:
- Unha man de nabizas
- Dúas patacas medianas
- Dous ovos de curral a temperatura ambiente
- Unha loncha de panceta salgada
- Un dente de allo
- Aceite, pementón doce, sal

Cortamos a raíz das nabizas e lavámolas ben. Eu deixeinas enteiras. Pelamos e lavamos as patacas.
Cocémolo todo na ola express, con bastante auga e un chisco de sal. Na miña ola 12 minutos, o tempo necesario para que as patacas queden cocidas. Se a verdura gusta máis feita, apartamos as patacas e cocemos máis tempo as nabizas.

Esprememos ben as nabizas cocidas, apertando coa man ou cun garfo. Poñemos a verdura nunha fonte e tapámola.

Facemos os ovos escalfados. Para iso, fervemos auga cun chorro de vinagre nun cazo. Cascamos o primeiro ovo nunha cunca. Movemos a auga fervendo cunha culler para que xire e nese momento botamos o ovo. Removemos con coidado para que siga a xirar e a clara se envolva en si mesma. Sacamos un minuto despois cunha escumadeira e facemos igual o outro ovo. Poñémolos na fonte da verdura.

Hai quen fai os ovos escalfados envolvéndoos en film plástico. A min non me presta.

Douramos a panceta cortada en taquiños nunha tixola. Cando teña cor, engadimos un chorro de aceite e o allo fileteado. Co allo dourado, retiramos do lume e engadimos media culleradiña de pementón. Botamos esta allada por riba da verdura e os ovos e servimos enseguida.

Comentarios