Trinxat de nabizas


Prato humildísimo do Pirineo catalán, pareceume perfecto para aproveitar unha man de nabizas da horta e patacas galegas, que merquei na "Tendiña" da Cabana.

É unha interpretación libre... se investigades que é o trinxat veredes que a nabiza non é a verdura propia, pero sae estupendo! Seguro que tamén cometín erros de técnica e conceito… xa vou pedindo desculpas.

A maiores necesitamos tres dentes de allo e panceta salgada ou touciño, máis aceite de oliva.

Din que é unha tortilla sen ovos. A pinta é esa.

Ingredientes deste trinxat:
- 1 man de nabizas
- 3 patacas grandes
- 1 tira fina de panceta salgada
- 3 dentes de allo
- aceite de oliva
- sal

Primeiro limpamos ben de terra a nabiza, quitámoslle a raíz, lavámola debaixo da billa e cortamos en anaquiños. Tamén pelamos e lavamos as patacas.

Eu cocín a verdura na ola express, primeiro só as nabizas (10 minutos) e logo coas patacas enteiras (outros 10 minutos). Quitamos toda a auga e volvemos poñer a verdura na ola. Esmagámosla cun pasapuré manual que teño, que é unha gran axuda. Queda esmagado pero non de todo.

Fritimos os allos fileteados e os apartamos. Fritimos no mesmo aceite a panceta cortada en tiriñas ata que estea ben pasada. Quitámosla do aceite. Mesturamos a verdura cos allos, case toda a panceta e un pouco do aceite, deixando algo na tixola para callar o trinxat.

Volvemos quentar a tixola co que quedou do aceite, botamos a mestura, achantamos cunha culler de madeira e deixamos que colla forma, como faríamos cunha tortilla de patacas. Dámoslle a volta cun prato grande a callamos polo outro lado.

Servimos cos tacos de panceta por riba.

Comentarios