Flans de leite de coco rápidos
Teño feito estes flanciños outras veces, sen escribir a receita. Fágoos á miña maneira e resultan perfectos cando se ten pouco tempo. A única condición é que hai que deixalos arrefriair antes de comelos.
Levan leite de coco de lata, que é bastante calórica. Cómpre non abusar dela, como non abusaríamos da tona. A min gústame non para substituír o leite -os que sofren de intolerancia á lactosa fano- senón polo seu sabor untoso, afroitado e cunha dozura natural.
Tamén levan ovos e azucre moreno ou panela, e podemos engadir canela en rama, anís estrelado, pel de limón e laranxa, vainilla... O leite de coco ten un arrecendo moi agradábel e podemos tamén non engadir nada.
Non levan caramelo e non se desmoldan. Por iso reutilicei vasiños de leite callado, tamén serven os de vidro de iogur. Non quedan moi vistosos -non hai "empratado"- pero son moi agradecidos. Quen queira pode facer caramelo, bañar moldes individuais ou unha flaneira grande e facelos igualmente ao vapor ou ao baño maría.
Como os fago eu resultan tan pouco doces que ás veces lles boto un pouco de mel.
Ingredientes
- 3 ovos
- 1 lata de 400 ml de leite de coco
- 4-6 culleradas sopeiras rasas de azúcar moreno ou panela (segundo o doce que queiramos)
- 1 anaco de pel de limón e outro de laranxa
Quentamos o leite de coco co azucre e as peles dos cítricos ata que ferva. Apagamos o lume, tapamos e deixamos 15 minutos.
Cando estea morno, quitamons as peladuras, engadimos os ovos e batemos cun batedor de man, de varillas, o xusto para que estea ben mesturado, sen meter moito aire. Enchemos os vasiños (catro) ata un dedo do bordo. Tapamos con papel de aluminio e facemos uns buratiños cun paliño.
Poñemos auga no fondo dunha ola pequena e acomodamos os vasos. A auga debe estar pola metade dos vasos ou algo máis. Tapamos, e para que non escorra auga desde a tapa de ola podemos envolvela nun pano de cociña. Poñemos a cocer a lume medio durante 15-20 minutos.
Sacamos os vasos con coidado de non queimarnos, destapamos, deixamos arrefriar a temperatura ambiente e logo gardámolos na neveira. Están mellor fríos.
Comentarios
Publicar un comentario