Un bo polo asado, todo o arranxa
Sucumbo á comodidade e á gula de meter un polo no forno con verduras e agardar a miragre. Acontece unha hora e tres cuartos despois.
Metino nun gran molde de pyrex que era da avoa. Era un polo mediano, tirando a pequeno, de curral. Froteino con sal, pementa negra e un pouco de aceite de oliva, tamén botei un pouco de sal por dentro.
Ao redor coloquei unha cebola pelada e cortada en anacos, unha cabeza de allos sen pelar cortada á metade, seis cenorias da casa (moradas e laranxas) pequenas, enteiras; e unha cunca de castañas que tiña peladas e conxeladas. Un capricho porque non poden estar máis fóra de tempada. A alternativa é castañas das chamadas maiolas ou pilongas postas a remollo en auga a noite antes. Mentres non pensei nelas, ía botarlle máis cenorias e herbas (tomillo e perixel). Boteilles ás verduras un chisco máis de sal e de aceite, e regueinas co viño fino de Jerez e un chorro de auga.
Foi para o forno -que tiña precalentado a 200ºC, baixei a temperatura a 180ºC- e esquecime del un bo rato. Cada un coñece o seu forno, no meu os asados tardan un pouco máis do normal, creo eu. Por iso estivo preto de dúas horas.
Anoto os ingredientes, aínda que case non fai falta:
- 1 polo de curral mediano, xa limpo e bridado nas patas
- sal, pementa negra moída, aceite de oliva
- 1 cebola, 1 cabeza de allos, 6 cenoiras pequenas
- 1 cunca (uns 180 gr) de castañas peladas e escaldadas (que tiña conxeladas)
- 1/2 vaso de viño fino de Jerez e 1/2 vaso de auga
Comentarios
Publicar un comentario