Tarta horta

 
Había algo que celebrar! Un aniversario con número redondo, medio-alto. Por iso, como extraordinario, fixen unha tarta con fondant laboriosa (aínda que non difícil) e cun motivo que viña ao caso: unha tarta chea de produtos da horta. Case todos copia doutros que están de verdade en certa horta: pementos morróns, tomates, repolos, leitugas, cebolas, porros... e faltan moitos! Engadín cabazas por capricho. E os principais inimigos do hortelán homenaxeado: as toupas e os merlos. 
 
A caixa representa as que nos regalan cando hai colleita de verdade
 
A tarta en si (o que está debaixo) é unha tarta mousse de chocolate que na base leva unha prancha de biscoito xenovés, e nos bordos biscoitos "de soletilla" porque quedaban máis bonitos.
 
Para darlle forma usei un molde regulable sen base, de aceiro, no que o tamaño máis pequeno é 24x24 cm, o que ten esta tarta.
 
O máis latoso é que non se pode facer de vez. A tarde do xoves  fixen un esquema nun cartón de 24x24 cm coas cousas que ía ter esta horta e o tamaño aproximado. Ademais teñín anacos de fondant branco das cores que necesitaba. Na tarde do venres fixen as figuriñas todas e coloqueinas nunhas bandexas. O sábado pola mañá fixen a tarta, e deixeina na neveira, porque ten que repousar ben 8 horas. Por último, o domingo fuxen a "terra" e coloquei a decoración. Non quitei o aro (cadrado) ata chegar ao lugar de destino, e aguantou a viaxe!

 
A decoración é difícil de explicar, non de facer. Só atopei tutoriais para facer as cabazas (Alma Obregón) e para as cenouras, pero a partir destas se van sacando as outras verduras. Incluso me animei a facer un valado e unha caixa. Os máis vistosos son os repolos; para as follas facemos boliñas de distintos tamaños. As estiramos co rodillo e texturizamos "as follas" coa esteca. Móntanse como as flores.
 
O merlo subido á "compostera"
 

Ingredientes para a tarta:
Prancha de biscoito xenovés:
- 3 ovos
- 100 gr de zucre
- 100 gr de fariña
- media culleriña de café de pasta de vainilla concentrada Home Chef
máis 20 biscoitos de soletilla.
Almíbar para emborrachar:
- 1/2 vaso de zucre
- 2/3 vaso de auga
- 1 copiña de ron tostado
Mousse de chocolate:
- 200 gr de chocolate Nestlé postres
- 330 ml de nata 35% materia grasa
- 2 claras de ovo
- 6 follas de xelatina (de Mercadona, ou 3 máis grandes)
- 4 culleradas colmadas de zucre glas
Decoración:
- Bolas de fondant de distintas cores: verde herba (do tamaño duhna ameixa), verde oliva (igual), verde oliva escuro (igual), cenoura (igual), negro (igual) e btanco (igual), vermello (igual); marrón escuro (do tamaño dunha noz), marrón claro (igual), mostaza (igual), crema (igual);  amarelo (do tamaño dunha canica), rosa (igual). Cantidades aproximadas, é difícil que non sobre.
- Maizena para a mesa
- 250 gr de galletas integrais con cacao
 
Para o biscoito, puxen a quentar o forno a 180º C. No robot, batín os ovos co zucre 5 minutos, 40º, velocidade 4. Logo outros 5 minutos sen temperatura, coa pasta de vainilla. Engadín a fariña e batín 15 segundos a velocidade 4.
 
Preparei a bandexa cun papel de forno e enriba coloquei o molde sen base. Botei a masa e golpeei a bandexa contra a encimera para que se repartira mellor. Fíxose no forno durante 12 minutos.
 
Quitei do forno e deixei repousar un minuto. Retirei o molde e logo recortei medio centímetro cada bordo. Deille á volta e quiteille o papel.
 
Para montar a tarta, hai que usar un prato plano, como non tiña ningún tan grande (fallo total) tiven que usar un cartón forrado con papel para forno de 29x29 cm. Coloquei enriba o mesmo molde limpo e seco, e metín centrada a prancha de biscoito. Emborracheina cunha brocha. Logo pasei polo almíbar os biscoitos, cun dos bordos recortados, e puxen cinco de pé en cada lado da tarta. Hai que emborrachalos sen medo, son moi secos.

Para a mousse: quentar o chocolate no microondas ou ao baño maría, sen que chegue a ferver. Mover ben cunha culler de madeira e mesturalo con 300 ml de nata.  Mentres, poñer en remollo en auga fría as láminas de xelatina, botándoas unha por unha. Quentar 30 ml de nata nun vaso, sen que chegue a ferver, e mesturar a xelatina. Botala no chocolate con nata, que xa estará morno, e remexer ben. Agardar ata que a mestura estea a temperatura ambiente (20º C). Batir as claras a punto de neve firme co zucre glas e engadilas á crema, pouco a pouco e con movementos envolvenes. Para unha mousse máis esponxada, a nata en vez de botala ao chocolate, montámola (220 ml polo menos) e engadímola antes das claras. O principal é que a xelatina estea ben hidratada e que se distribúa,  pero non é difícil porque o chocolate está quente.

Botamos a mousse na tarta e gardámola na neveira.

Trituramos finamente as galletas (no robot), e cubrimos toda a superficie da tarta cun bo espesor (1,5 cm).  Colocamos as figuriñas de fondant respectando os regos (recorda a auténtica horta,´aínda que non de todo) e as velas de aniversario.


Crítica:
Queda moi divertida, e aínda que o fondat parece algo infantil, neste caso non importa: con setenta anos, un rapaz. Á miña sogra gustoulle moito "comer a terra", ao meu sogro, papar as toupas.
 

Comentarios