Crumble de mazás do país

Bon, hai moitas versións deste doce, moi famoso á vez que humilde. O crumble din que é orixinario de Gran Bretaña, unha tarta de froitas de outono e inverno de baixo custo. Pode levar mazá, peras, ou froitos vermellos (framboesas, arandos), de preferencia froitas acedas. Poden mesturarse con xenxibre raiado, canela, vainilla, clavo, cardamomo... as especias do gosto de cada un, ou engadir pasas, ou dátiles e albaricoques secos picados... É de baixo custo ademais porque non pide moito forno.
 
O crumble máis común leva unha mestura de fariña de trigo, manteiga e zucre, pero para que resulte máis crocante pode levar galletas desmigadas, cereais (avea) ou froitos secos picados (noces, améndoas ou abelás).
 
Está moi bon para almorzar.
 

Ingredientes para un crumble para seis:

- 6 mazás do país, grandes, vermellas e acedas, de carne dura
- 25 gr de zucre moreno
- 25 gr de manteiga
- 1/2 culleriña de canela e 1 de zucre avainillado, ou pasta de vainilla
- 1 2 media culleres de Maizena disolta no zume de medio limón.
Para o crumble:
- 75 gr de fariña de trigo (1/2 vaso)
- 75 gr de avea (1/2 vaso)
- 25 gr de zucre branco
- 60 gr de manteiga
 
Prequentei o forno a 180º.
 
Preparei as mazás: peleinas, quiteilles o carozo (cos gusaniños que viven nel) e corteinas en dados grosos.
 
Nunha ola grande e baixa, quentei a manteiga, e botei a mazá revolvéndoa coa canela, a vainilla e o zucre moreno. O tempo dependerá da mazá, debe perder a dureza por fóra pero quedar ben firme. Probamos para ver de engadirlle un pouco máis de canela ou de zucre. Engadimos a Maizena disolta no zume de limón e revolvemos con coidado para non desfacer a mazá.
 
Para facer o crumble, poñemos a fariña, o zucre e a manteiga branda nun bol grande, e revolvemos e desmenuzamos cos dedos, ata ter migas miúdas. Pode facerse nun robot de cociña, programando 3 minutos a velocidade 4. Mesturamos ben a avea cos dedos.
 
Botamos a mazá nunha fonte de pyrex e cubrimos co crumble, distribuíndoo pouco a pouco de forma uniforme.
 
Metemos no medio do forno durante 15 minutos, e despois arriba, cambiando o programa a gratinado, ata que o crumble sexa unha costra seca e dourada.

 
Tómase tempado ou do tempo. Acompáñase con xeado de vainilla ou natillas (en versión crema inglesa, máis lixeira).
 
Crítica:
Para amantes das mazás e das tortas de mazá, en nada ten que envexarlle á famosa apple pie, nin a empanada de mazá... pero coa vantaxe de non ter que facer unha masa de base, que sempre é unha lata... A desvantaxe é que se desfai, claro, e cómpre servilo en cuncas ou pratos pequenos para comer cun culler. Con froitos vermellos convértese nunha sobremesa de luxo, aínda que eu os prefiro con merengue gratinado.
 
 

Comentarios