Dátiles recheos á mandarina (Café para cinco, parte 1)
Preparei un café-bufet para que M. e os seus alumnos fixeran unha pausa doce. Doce e salgada. Eran só cinco, pero como eu non estaba na casa, e para non interromper demasiado, deixamos todo preparado antes da clase. Os doces fíxenos a tarde antes, xa veremos como un deles non resultou moi ben por culpa disto...
Aproveitei restos navideños: figos secos, dátiles... Pero tamén quería probar receitas novas. Se non, que graza ten? Fixemos:
- Dátiles recheos á mandarina (aquí a receita vella)
- Fakkas, unhas pequenas galletas de sésamo (xa publicada)
- M'hancha (espiral de masa filo rechea con pasta de améndoa e limón)
- Tostas (sen tostar) de pan de millo con queixo do Cebreiro e figos confitados
- Tostas con hummus e cilantro
- Tostas con hummus e cilantro
Fixen unha nova versión dos dátiles recheos para probar a pasta de mandarina de Home Chef. Mercáraa había tempo e estaba sen abrir. Son un invento estupendo, estas pastas de froita, hainas de fresa, de framboesa, de laranxa, de froita da pasión, de lima... Pero hai que mercalas por Internet. Para min son un sustituto "natural" ás esencias, colorantes e outros aditivos reposteiros.
Para 250 gr de dátiles "ao natural" de tamaño mediano a pequeno:
- 100 gr de améndoa moída
- 1 cullerada de manteiga do tempo
- 1 cullerada de mel
- 1 cullerada de zucre glas extra fina
- 1 cullerada de auga
- 1 culler de café colmada de pasta de mandarina Home Chef.
Nunha cunca, abrandamos a manteiga cunha espátula. Engadimos o resto de ingredientes menos a pasta de mandarina, e mesturamos ata que estea ben unido. Botamos ao final a pasta de froita e mesturamos, eu fun botando pouco a pouco ata dar cun punto de sabor agradable, que se note a mandarina pero sen pasarse. Gardamos a pasta na neveira para que quede máis dura e manexable.
Mentres, sacamos o óso aos dátiles, facendo un corte longo cun coitelo. Formamos tiras grosas de pasta de améndoa e enchemos os dátiles.
Deixámolos a temperatura ambiente, pechados cun film plástico para que non se resequen. Listo!
Comentarios
Publicar un comentario