Figos secos en almíbar (Café para cinco, parte 2)

 
O queixo do Cebreiro sabe estupendamente con confitura. Tamén, como probei hoxe, combina ben cunha hamburguesa. Si, unhas miguiñas de Cebreiro substitúen ao queixo Cheddar sen problema!
 
Preparei figos secos, tipo pera, dos que abondan en Nadal. Aproveitei un resto navideño, por iso esta entrada leva a etiqueta de roupa vella. Non son como os figos frescos, pero poden rehidratarse e teñen un sabor concentrado.
 
Ingredientes:
- 250 gr de figos secos
- 1 vaso de auga
- 1 vaso de zucre
- 1 copiña de ros tostado
 
Primeiro poñemos os figos nun bol con auga catro horas antes, ou máis.
 
Botamos os figos nunha oliña ou nun cazo grande, coa auga, o zucre e o ron. Cocemos a lume baixo durante media hora aproximadamente. O almíbar haberá reducido e os figos estarán cheos, tenros e brillantes.
 
Púxenos co seu almíbar nun bote limpo con tapa a presión. Como non están en conserva de verdade, gárdoos na neveira, pero aínda así aguantan moito tempo, tres semanas polo menos.
 
Para min, que toleo cos figos frescos, secos, en confitura ou en almíbar, están ben con calquera cousa: iogur, requeixo, pan, noces... ou sos.
 
Para o menú dese día (o café dunha clase organizada na casa), cortei pan de millo en rebandas e logo en tiras longas, untei con queixo do Cebreiro (escachado, máis ben) e puxen enriba de cada anaco un figo partido en dous.
 
O queixo do Cebreiro é de leite de vaca, moi branco, e a súa frescura engana un pouco porque é máis forte do que parece. Son queixos moi bonitos, con forma de hongo.
 
 

Comentarios